lunes, 19 de octubre de 2009

A tráxica morte dos irmáns "Insua" (e II)



Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Os fuxidos irmáns José Losada Castelao e Manolo Rodríguez Castelao (“os Insua”), unha vez chegados a Vigo desde Carril, buscaron o amparo dos amigos. A casa dos Isla Couto foi o seu acubillo durante os primeiros meses da guerra civil, período no que recibiron a visita do crego de Rianxo Don José Benito Fariña. Namentres ideaban a maneira de fuxir por mar ao estranxeiro, Manolo pintou algúns cadros ao óleo (consérvanse ao menos dous) para regalarllos aos protectores.

Aquí debemos pararnos na figura do seu parente Daniel Rodríguez Castelao, con seguranza preocupado polos seus. A guerra civil collérao en Madrid e a “casualidade” fixo que a súa dona estivera con el. Non tardaron en desprazarse a Barcelona; foran coa intención de volver, pero xa non foi posible pola situación da capital, que “ía de mal en peor”. Logo marcharon a Valencia, e posteriormente, de novo a Barcelona, xa que o rianxeiro fora requirido polo servizo de propaganda da Generalitat para falar por Radio Barcelona: “Aqueles parladoiros pol-a radio coincidiron con horas sinistras da represión fascista en Galiza

Ata Castelao chegaron noticias, neste caso de Rodolfo Prada, de que as súas actuacións radiofónicas supoñían pretextos para esa represión. Castelao estaba ben seguro de que ninguén sufría tanto coma el por esa circunstancia, pero debía seguir co seu compromiso; dixo o seguinte: “teño alá dúas irmáns e miña nai e dous curmáns que quero tanto como si fosen irmáns meus. Pois ben, dixéronme que están vivos e non por eso deixarei de cumprir o meu deber de Galeguista, si me matasen a familia, tamén mataron a Casal, a Bóveda, a Víctor...”

Non podemos dicir que súas irmás, Josefina e Teresa, pasaran inadvertidas en Rianxo. Nos primeiros días da contenda soportaron algunhas falcatruadas inxeridas polas mulleres falanxistas da vila e incluso polo propio Concello, con multas de importancia, pero non hai dúbida de que os peor parados serán os seus curmáns.

Volvendo a eles, dado que estaban sendo buscados, decidiron que non debían permanecer así por máis tempo. Despois de nove meses agachados, preocupados e temerosos de ser descubertos, tomaron a decisión de intentar recobrar a liberdade. Xunto con varios amigos de esquerdas, idearon abandonar Galicia en barco. Eran nove mozos “fuertes y audaces” (a muller dun deles, Carmen Miguel Agra, decidira fuxir co seu home, coa tristura de deixar ás súas nenas a cargo duns parentes).

O plan de evasión fora estudado pacientemente. Prepararan ao efecto o bou de nome “Eva”, con base no porto vigués. No intre en que os fuxitivos entraron nel, decatáronse de que un mariñeiro estaba a bordo, e, para desgraza de todos, permitíronlle marchar coa promesa de que non os delataría. Non foi así: apenas abandonou o barco, denunciounos. A policía portuaria mobilizouse e cercou o barco coas súas embarcacións. Era na madrugada do 23 de abril de 1937. No peirao vigués produciuse inmediatamente un enorme despregue de forzas represoras. Primeiro intentaron que saíran un a un, sen éxito, logo, arrimaron un barco alxibe do porto e asolagaron a bodega do bou; primeiro con auga fría, despois con auga fervente. Os acosados non saían e deseguido oíronse uns disparos...

“No encontrando medio de abatir sus bríos, con vil agua hirviente inundaron, crueles, el barco; pero antes sus sienes agujerearon diez balas certeras, y sus nobles frentes orlaron con sangre sus corazones, que serán laureles y rosas que adornecen su gesta gloriosa, viril y valiente, cual ninguna de cuantas la historia del valor recuerde; pues sólo Numancia con vuestro heroísmo compararse puede.
Yo pido que en bronces mi terriña meiga graben los cinceles los nombres preclaros de nuestros paisanos; y que los pinceles del gran Castelao -que diz: que dos de ellos eran sus parientes- eternicen el hecho sublime en lienzo y paredes”

Todos tiñan a ferida de morte na sen esquerda, salvo un, que debeu matar aos outros por acordo de todos. Ata Rianxo chegarán rumores de que o autor foi Manolo “Insua”, sen que se poida aseverar. Non obstante, a confusión ao respecto aumenta debido a outras noticias que se coñecen, unha das cales recolle que os disparos foron efectuados por membros da Garda Civil coa finalidade de que os comentarios do suicidio colectivo se espallaran, impedindo así que a noticia das mortes, por auga quente das caldeiras, se dera a coñecer, aínda que esa cuestión tampouco lles importaría demasiado.

Os “dous dos rapaces máis puros da nosa terra” estaban entre eles. Os xornais vigueses Faro de Vigo e El Pueblo Gallego, en mans da Falanxe, obvian a tráxica morte. Nova Galiza, nun artigo asinado baixo o pseudónimo de Félix Muriel (Rafael Dieste), recolle a triste nova:

“Daquela foi cando os nosos ollos, abertos ao recordo, recibiron nun lóstrego prolongado toda a presenza daquel amañecer. Esquecemos a morte de todos aqueles homes, daquela moza, e todo nos pareceu ilusorio menos o intre de ledicia, cara á liberdade, que sentían aquela noite, mentres o mar, vindo de lonxe, acariñaba o barco. E todo o sono deles realizouse no noso corazón. Si, pasaban o mar, e á volta dunha esquina dunha cidá das nosas, viñan ao noso encontro cos brazos abertos... Moito tempo, aínda sen querer saber que xa sabiamos a morte, estivemos a repetir os nomes coñecidos, resucitando a mesma infancia que viviron con nós —e que tan nosa era como deles... Así estivemos, a rescatalos, dándolles paso pola nosa lembranza cara á eternidade... E vimos que pasaban, que xa non sairían ledamente ao noso encontro en calquera esquina. E filtrouse en nós, como un albor de lúa, o degoro dir con eles, e con tódolos homes xenerosos da nosa terra que xa van alá...
Mais algo enche de luz a nosa dor, e fai xurdir no medio dela un grito de orgullo, case un aturuxo: ¡Non se entregaron ás poutas lixentas! Non se entregaron, viron uns nos ollos dos outros unha diafanidade ausoluta e entregáronse á morte virxe en compaña, como ao ceo da noite. Cada tiro unha estrela. E hai que ademirar ao executor, ao que quedou para o remate, sen que vacilase a fé —del e dos outros— na súa sagra firmeza. ¿Cando foron mais irmáns nove homes e unha muller?.
Esa fraternidade no lindeiro decisivo, ese acordo perfecto, esa inmensa seriedade do voso esprito nese intre, fai para sempre locinte i exemprar a vosa morte. ¡Si, compañeiros, vindes, agora mais que nunca, ao noso encontro!”

Máis cando as turvas horas se narraren
nas estreliñas dos infolios,
aboirán por riba d-unha ducia,
dous nomes que por nomes sucumbiron,
por un gromo levar en cada sílaba
e unha riola en cada letra.
Os de Xosé e Manolo Castelao,
candidaturas a un mañán liberto,
de Rianxo esgueirados,
que colleran a luz do farol noso,
que a viviran un tempo de acobillo,
e a perderan despois
cando par-o desterro fun botado.
Da nosa luz pequena se sostiñan,
cal outra grea de encubertos seres...
Mentras Caín das rúas era dono.

Da nosa luz vivían e ao perdela
Xosé e Manolo Castelao prendados,
par-o destiño cegos,
no barco xa arranchado,
no bou “Eva” apresado no Berbés,
co-a cámara chea de escapados,
voluntarios da morte todos eles
adiantando o seu fin
a auto-execución se condenaron
como Sócrates náuticos!

***
...E un salaio fondo, fondo, fondo...
no tempo e nos espazos alongado
esvaróu sobre o mar onda por onda
desde a Ribeira vella
até Rianxo

Ao pouco, o mesmo Rafael Dieste escríbelle a seu irmán Eduardo, desde Barcelona (9 de marzo de 1938), o seguinte:

“(...) Antes sería paradójico pues suponíamos difuntos a Manolo y José, y aún no hay la contraria certidumbre, reír sin trabas recordándolos en tu fantasía. Ahora, y no sólo a causa de la plenísima salud con que están evocados, no hay mueca, contradicción de gesto, ni de espíritu, en ponerlos en farsa. Claro que es una farsa como agua pura (...). Pero además creo que ya no podemos tomar tan en serio lo fúnebre de la muerte (lo cual quizá fue siempre un error y un motivo de comicidad tortuosa) desde que alía su misterio al esplendor del alma colectiva, sea en paz o en conflicto como ahora. En suma, si algún día recibís alguna noticia semejante de nosotros os ruego desde ahora que no hagáis planto, como no sea florido. Mejor que una corona y cirios te encargo, pues, una farsa como esa. (Ojalá sea cierto que viven y que pueden un día ensayar y representar la suya, con otras que haremos, alegres o edificantes, Manolo y José)

No referente a Castelao, que estaba en Barcelona nesas datas, parece estraño que non fora avisado da traxedia. Non hai constancia escrita, ao menos de momento, de que o rianxeiro mencionara estas terribles mortes; todo está confuso, máis aínda cando lle escribe a súa irmá Teresa, en 1941(?), queixándose de non ter novas sobre dos seus curmáns, “y aunque perdí toda esperanza de volver a verlos, algunas veces tengo esperanza y no sé...”

Pasados os anos, en outubro de 1958, Rafael Dieste e súa dona Carmen Muñoz, aínda non borraran da memoria a desventura dos “Insua” e os recordos da mocidade:

“(...) Entonces, digo, la casa estaba mucho más alegre. Sixto Aguirre, Manolo Ínsua, José Losada, muchachos inteligentes y buenísimos (bastaría con decir amigos de Rafael, quien polariza arcángeles) solían venir al anochecer, después del paseo de la tarde, y se producían conversaciones animadísimas... (todos ellos y otros amigos de Santiago y Vigo con la misma cualidad arcangélica, perdieron la vida (no el alma) en el año 1936; y ni siquiera fue en el campo de batalla)”

A maneira de curiosidade, indicar que o 25 de abril de 1941, o xulgado instrutor provincial de Responsabilidades Políticas da Coruña, inicia un expediente contra, entre outros inculpados, José Losada Castelao. A relación que posuímos comeza na letra G e remata na L, polo que é de supoñer que na R estaría o nome de seu irmán. Ao mes seguinte aínda estaban sendo localizados os domicilios dos inculpados e dous anos despois, en outubro de 1943, non se concretara a súa actuación político-social, situación económica, e a “verdadera personalidad de aquellos, y caso de que alguno de los que este expediente comprende hubiese fallecido, se aporte a autos certificación de defunción...”

1998.-Rianxo recibe os restos

Os restos dos irmáns “Ínsua”, que descansaran tantos anos no cemiterio de Pereiró en Vigo, e logo, polas xestións das irmás de Castelao, no de Baión-Vilanova de Arousa, nun panteón familiar de María Luísa Aldeagunde, foron traídos finalmente e soterrados no seu pobo en 1998, no camposanto que tanto coñecían e onde repousaban os seus. Foi o domingo 28 de xuño:

“Un Rianxo emocionado recibiu onte os esperados restos dos irmáns Insua. Varios centos de veciños do municipio de Rianxo recibiron os restos de Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, os irmáns Insua. O féretro que portaba os seus restos ía cuberto coa bandeira galega”
(El Correo Gallego, luns, 29 de xuño de 1998)

“Que con siemprevivas, lirios y rosas,
robles y laureles,
se cubran sus tumbas en las primaveras;
que todos los fieles
de la gran idea por que ellos murieron
sin lloros ni preces,
en romería laica, vayan por los mayos
flores a ponerles”

lunes, 12 de octubre de 2009

Manuel Rodríguez Castelao ("Insua")

Apuntes da súa curta vida (I)
Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Pilar Castelao Genme, unha vez viúva de Juan M. Losada García, casa en segundas nupcias, aos 40 anos, con Manuel Rodríguez Insua, de 38 anos, fillo de José Rodríguez Fungueiriño e Juana Insua. A voda celébrase o 31 de agosto de 1903.

O 6 de setembro de 1905, ás 10 da mañá, nace en Rianxo Manuel Rodríguez Castelao. Será bautizado o día 9 polo crego Don Manuel Otero Mariño, sendo seus padriños Mariano Rodríguez Dios e Joaquina Castelao Genme.

Antes de nada, debemos pararnos en Manuel Rodríguez Insua, pai do rapaz. Este home exerceu diversos oficios: carpinteiro, encargado da fábrica de conservas situada no “Castillo”, da familia Goday, comerciante, propietario, recadador do imposto de Consumos, e concelleiro (cargo do que renuncia por enfermidade, en marzo de 1924).

Cando exercía de recadador municipal e debido ao seu estado de saúde, solicita á alcaldía que se fixera cargo dos valores pendentes de cobro. Tal petición no é aceptada, o que motivará un preito por diferenzas de criterio: Insua entendía que non estaba obrigado “de realizar la Agencia ejecutiva para el cobro de recibos pendientes” (nada menos que catro mil e pico de pesetas), opinión que non compartía o Consistorio470. Non lle admitiron recurso algún contra o acordo tomado polo pleno municipal do 31 de xullo de esixirlle o ingreso da cantidade endebedada, e dos recibos pendentes nun período de tempo de oito días, o que consideraba un “error gravísimo que comete el Alcalde de Rianjo”, segundo lle comunica o interesado ao gobernador civil. A comisión do pleno do 29 de novembro, toma a decisión de seguir advertíndolle a Rodríguez Insua que, de non ingresar o importe endebedado, procederían “al embargo y venta de sus bienes que sirvieron de fianza para responder de su gestión”. O gobernador civil deulle a razón a Insua:

“Y respecto a los recibos pendientes de cobro, debe esa Comisión Permanente, tener en cuenta lo dispuesto en el artículo 173 letra b, de la Instrucción de 26 de Abril de 1900, admitiendo los que no resulten perjudicados y haciendo la gestión cobratoria, toda vez el funcionario destituido no está capacitado para hacerla...”

Na actuación xudicial seguida, o xuíz de Instrución de Padrón solicita ao Concello de Rianxo, en xuño de 1926, un informe da conduta de Rodríguez Insua: “de que este, como ciudadano y como recaudador del impuesto de Consumos, ha observado constantemente una conducta sin la menor tacha siendo conceptuado entre el vecindario como persona digna, formal y honrada”. Por esta e outras consideracións, a relación do alcalde Mariano Rodríguez co seu parente foi ao traste.

Ao parecer, a “rica” era a súa dona, Pilar Castelao, posuidora de bastantes fincas e casas, que logo venderían para facer a casa “dos doce balcóns”, situada na rúa de Abaixo (hoxe da familia Galbán).

Rodríguez Insua tiña un defecto: era bastante afeccionado ao xogo. Nunha ocasión estafárono en Vilagarcía, cando lle fixeron firmar un papel “ás escuras e sen saber o contido do documento”. Por esa causa quedarán sen a fermosa casa antedita, ao ter que vendela para pagar a débeda contraída. Tiveron que ir vivir a unha casa da rúa do Medio, propiedade da señora Pilar (a “do Mango”). Rodríguez Ínsua morre en novembro de 1934.
***

Manuel Rodríguez Castelao (o “Insua”), durante os oito anos de emigración de seu irmán José Losada Castelao, mantivo unha atenta correspondencia con el. Nunha foto-tarxeta, sen datar, onde aparece con tres canciños, dille:

“Querido hermano: Poco tienes que agradecerme, pues debía ser más atento contigo de lo que soy en escribirte; pero sé por cartas de mamá que sigues bien de salud que es lo principal, y lo que más deseo.
Mamá ya está mejor del dolor de cabeza.
Tú recibe un abrazo de tu hermano. Manolo.
Tenemos una perra, la cual tuvo tres cachorritos con los cuales me retrató José María Varela cuya tarjeta te mando”

Coma seu curmán Castelao, o rapaz tiña unha grande afección polo debuxo e a pintura. Con dezaoito anos preséntase á Exposición Rexional, celebrada na Coruña en 1923, con dous cadros ao óleo de temas da vila. Cadros seus conservábanse na casa de Rafael Dieste e na de Isla Couto, de Vigo. Axudou a Castelao na recollida de debuxos dos cruceiros de Rianxo, como así o confirma a carta de Manuel Antonio, datada en 1925, ao propio Castelao: “Teu curmán xa leva feitos algúns cruceiros que logo che mandará”. A súa afección era ben coñecida polos amigos, como Antonio Crusat, quen lle envía a través de Manuel Antonio (3 de outubro de 1921) un bosquexo do barrio de Cunchido, en Escarabote “por onde ti pasastes cando estuvestes nesta, pra que llo dés a Manolo “de Insua” a ver si lle sirve pra un cadro. Xa vai ahí algo espricado, pois doutra maneira non o entendería”. Entre outros pintores amigos seus, cabe destacar a de Maside, amizade que nacera por intercesión de Manuel Antonio.

En 1923 entra en quintas. Pertence á de 1926 co número 23, e tras o recoñecemento facultativo resultou ter miopía e varices en ámbalas pernas, sendo declarado útil para servizos auxiliares.
Despois de pasar por unha academia de Vilagarcía e de cursar estudios de ensinante na Escola Normal de Mestres de Santiago, en abril de 1930 fai o depósito para a obtención do título de mestre de primeira ensinanza, solicitando a súa participación nas oposicións ao Maxisterio.
É o momento no que morre súa nai Pilar (5 de novembro de 1930), á idade de 63 anos:

“(...) Estas virtudes unidas al bondadoso y afable carácter habían captado las simpatías de cuantos le trataban. Por eso tanto en el sepelio como en el funeral, se vio una concurrencia numerosísima que entristecida rendía el último tributo a la mujer buena”.

Ata Rianxo achegouse Castelao, desde Pontevedra, para despedir á súa bondadosa tía.

No referente á carreira de Manolo "Insua", en setembro de 1931, solicita participar nos cursiños de selección de mestres que ían comezar o 26 de outubro, de aí que non acudira coa regularidade debida ás sesións, como concelleiro que era, por estar máis preocupado polos estudios preparatorios das oposicións ao Maxisterio Nacional.

Logo de aprobar as dúas primeiras partes desas oposicións, concorre aos cursiños do segundo exercicio das probas. O mestre Constantino Peón López, da Escola Nacional de Nenos da rúa Pastoriza-A Coruña (datado o 22 de xuño de 1932), emitirá un informe moi favorable do seu labor á fronte dos rapaces (onde puido levar a cabo, segundo Peón López, “nuevas normas didáctico-metodológicas que son, la vanguardia en los sistemas de enseñanza más acreditados”). Considerouno un mestre culto “y con acusada orientación profesional, permitiéndose esperar un máximo rendimiento cultural de su fecunda y copiosa labor, el día que esté al frente de la escuela que puedan adjudicarle”.

Superou as oposicións a Mestres de Instrución Pública no tribunal de Santiago, onde obtivo o número 27 entre un total de 244 aspirantes. Foi no mes de xuño e ao pouco faise cargo da escola mixta de Fincheira, en Rianxo, e logo, en 1935, da do Pazo.

Como consecuencia do conflitivo mes de outubro de 1934, principalmente en Rianxo, Manolo “Insua” decide abandonar o cargo de concelleiro. O motivo oficial foi por incompatibilidade co maxisterio.

O mes de novembro non era de bo recordo para os irmáns “Insua”. Curiosamente tampouco o foi en 1934, non só polos acontecementos políticos do momento, senón pola morte do pai a consecuencia de “arterio esclerosis”, cando contaba con 68 anos de idade. A partir dese intre a “criada” da casa, Encarnación Rey, xogará un papel importante na vida familiar.

Ao ano seguinte, en 1935, Manolo “Insua” colabora xunto con varios amigos, entre eles Rafael Dieste, na organización e posta en escena en Rianxo, no local do señor Vicente, da obra de teatro “A fiestra valdeira”. Nela traballou de actor, interpretando a Don Miguel, e pintou os decorados. Os ensaios e a selección dos actores, despois de buscalos polas tabernas, fixéronos no “cuarto do medio” da casa dos Dieste, lugar habitual de reunións político-culturais e de amizades (“era casa de puertas francas”), moi especialmente nos Nadais, cando “venían los Castelao (se juntaban las cenas), los Aguirre; algo más tarde Nine, acaso Arcos. De pronto en la sombra de la calle sonaban panderos, bombo, clarinete, acompasando el coro de misteriosas voces aldeanas...”

“(...) ¿Volveremos a hacer aquel teatro? No sé, no sé. Quizá nos echaríamos a llorar en el momento del reparto, al echar de menos a “Don Miguel”, y al que subía y bajaba la cortina con tanta gravedad, y al director de nuestra orquesta y a tantos compañeros que faltan. Quizá nos están esperando...”
(Extracto dunha carta de Dieste a Marcial Romero, 14-1-1950)

A instancias dos membros do Partido Galeguista de Asados, colabora na fundación dun grupo teatral, dependente do partido, que chamarán “Airiños”. Tamén pinta e decora os escenarios.

A morte por enfermidade en 1936, cando comezaba a guerra civil, de José R. Nine Piñeiro, foi outro duro golpe para unha parte da mocidade rianxeira. As desgrazas continuarán despois de ser enterrado o amigo, ao teren que fuxir todos, dadas as circunstancias. Os “Insua” agacháronse nos montes de Rianxiño, “entre as mimosas de Viturro”, e incluso no cemiterio. No seu afán por collelos, os falanxistas locais tendéronlles alí unha trampa, pensando que irían, ou ben para agacharse ou para despedirse dos pais mortos. Non lograron o seu obxectivo, a pesar de que os irmáns puideron, antes de fuxir definitivamente, acercarse ao camposanto para darlle o último adeus aos seus, onde, a dicir dos comentarios, un deles sufriu un desmaio coa emoción.

Se cremos a unha testemuña, unha noitiña os “Ínsua” acercáronse á casa do alcalde, Germán Fernández, para manter unha conversa con el, e, ao parecer, o mandatario recomendoulles que non saíran do pobo e que faría o posible para que non lles pasara nada. Non lle fixeron caso.

Ten pouca credibilidade a afirmación de que na súa fuxida contaran coa axuda do falanxista “amigo” Eduardo “o da Viñiña”. Despois de andar varios días escondidos, chegaron a Carril nun barco dun mariñeiro da vila (pai de Manuel Miguéns Neira), e alí colleron un tren con dirección a Vigo. Tampouco hai seguridade de que marcharan “vestidos de cura” e de que pasaran “tranquilamente”, como se ten afirmado.

A finais de agosto de 1936, recíbese no Concello, procedente da Sección Administrativa de Primeira Ensinanza da Coruña, un comunicado relacionado coa destitución de, entre outros mestres, os “Ínsua” (José, mestre da escola número 2 da vila, e Manolo, da escola do Pazo). O documento que os cita foille entregado á criada da casa Encarnación Rey polo alguacil Quintáns Castaño, ao no estar os interesados, “manifestando la sirvienta que marcharon con rumbo a América ú otro sitio que ella desconoce”.

domingo, 4 de octubre de 2009

SAÚDE E REPÚBLICA. RIANXO 1930-1930. POLÍTICA E SOCIEDADE

Libro dos historiadores rianxeiros Xosé Comoxo e Xesús Santos

Por Avelino Abuín de Tembra (2006)

O "Ano da Memoria" traerá resultados fertilísimos. Non só exhumando lugares e paraxes en que aínda xacen as vítimas da represión e da crueldade, nun anonimato ignominioso. Tamén descubrindo documentos en que se faga patente a verdade daqueles feitos tristes, unicamente contemplados desde a perspectiva vencedora ao longo de cincuenta anos.

Reconstruíndo a epopea dos cidadáns que se mantiveron leais e fieis ás institucións republicanas, lexitima e democraticamente designadas. Aínda quedan xentes de boa vontade que pensan que a República de 1936 foi un ente maligno, nacido das entrañas do averno, xerador de todos os males españois, asasino de cregos e de bispos, incendiario de templos e conventos, aliado da URSS e propulsor do comunismo.

Ao éxito de tan manipulada propaganda contribuíron, paralelamente, certas organizacións católicas que converteron a rebelión militar nunha cruzada. Axudaron, finalmente, o medo e o terror que impuxeron as bandas fascistas con asasinatos atroces, vinganzas e represalias inhumanas naquel pandemonio sen sentido en que semellaba ter triunfado a barbarie e o capricho duns poucos sobre o resto da cidadanía e sobre a civilización.

Iso e moito máis. Pero non exactamente así como o contou o réxime triunfante a nivel nacional, local ou comarcal. Hai historias reais, impresionantes no contexto humano, social e mesmo político. Cada concello deberá ter a súa propia historia nos anos da II República e na traxedia da guerra civil. Acaba de me chegar ás mans un libro exemplar que anula toda unha serie de mentiras: Saúde e República. Rianxo 1930-1936. Política e Sociedade, debido ao estro e ao esforzo de dous historiadores rianxeiros: Xosé Comoxo e Xesús Santos. Edición do propio Concello de Rianxo, 2006. Un libro denso e clásico no xénero. Tal vez o máis completo estudo realizado na órbita local en Galicia.

É, desde logo, a obra máis lograda do amplo currículo dos entusiastas investigadores. Nel pode albiscarse o cariño e a entrega á historia de Rianxo, que atinxe Galicia pola súa dimensión histórica e pola importancia que tiña Rianxo neste tempo. Os autores posúen contrastada experiencia tras o ensaio Biografía de Arcos Moldes. Rianxo, apuntes dunha vila mariñeira, 1994. No caso de Xesús Santos está tamén a participación no volume Rianxo na Guerra Civil: campo de concentración de prisioneiros de guerra, 1937-1939, tirado do prelo en 2003, en compañía de Xesús Costa Rodil.

O libro Saúde e República. Rianxo 1930-1936. Política e Sociedade comeza cun limiar curioso. Trátase dun comentario do mártir Arturo Noguerol sobre o Rianxo de 1929 (Noguerol foi secretario do Concello de Rianxo nos determinantes anos da República).

Despois, desenvólvese minuciosamente o programa trazado: tratar de desvelar a intrahistoria de Rianxo vencellada, a un tempo, á historia de Galicia na II República. Ofrecerlle á sociedade estudos sobre un tema idéntico desde ópticas distintas, absolutamente respectables. Aproximarnos a unha colectividade veciñal que manifesta o seu perfil civil de formas diversas, pero non por iso carentes de valores positivos, que sempre se encontran cando se buscan con serenidade. O amplo esquema do copioso ensaio comeza cun capítulo que nos parece destacable: A política local durante a ditadura de Primo de Rivera. Etapa en que xorde un dirixente carismático de Rianxo: Mariano Rodríguez Dios, o pai de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nesta época desaparece o gran poeta Manuel Antonio: 28 de xaneiro de 1930.

Outro capítulo importante de Saúde e República é o titulado "A II República ás portas", páxina 69, en que se abordan acontecementos específicos de Galicia previos á proclamación republicana: pacto de Lestrove, banquete de Barxa e compromiso de Barrantes.

A eles adhírense sobranceiras personalidades de Rianxo: Castelao, Roxerius, Manuel R. Castelao, Rafael Dieste, Arturo Noguerol... ". É a hora solemne de Galicia. Voces vibrantes, voces plenas de viril cidadanía álzanse ante as multitudes congregadas no agro (almas inxenuas, soterradas en prexuízos ancestrais) e conmoven o ambiente céltico coa xesta das súas verbas liberadoras".

A situación confusa en que se encontraba Rianxo durante os primeiros meses do novo réxime está descrita en pormenor, con preocupación de reflectir nomes e actuacións públicas dos protagonistas: Sixto Aguirre, Viturro, Losada Castelao (curmán de Castelao), Arcos Moldes -un dos grandes protagonistas da vida de Rianxo-, José R. Nine, Cambeses Rey, Rivela Rial, Rodríguez Segade, o primeiro alcalde da República, así como a influencia dos políticos de Padrón... Destacan particularmente os episodios referidos á elección a Cortes, a proclamación do Estado Galego, as agrupacións políticas, a acta parlamentaria de Castelao, a fundación e presenza en Rianxo do Partido Galeguista, a designación de candidatos para os comicios de 1936, os novos rexedores tras o triunfo da Fronte Popular.

Non faltan os anecdotarios desta xeira fondamente implicados na vida rianxeira: o Liceo Artístico, as Misións Pedagóxicas, os grupos galeguistas de Asados e Leiro, o teatro en Rianxo, a homenaxe a Manuel Antonio e o intento de lle levantar un monumento na illa Malveira (un episodio que resulta imprescindible consultar aquí), a morte de Manuel Viturro afastado do Rianxo natal, o Himno a Rianxo incorporado ao galeguismo, a xuventude de Rianxo detida a consecuencia da revolución de 1934. O volume leva, ademais, unha copiosa anotación, por veces superflua e reiterativa, seguida dunha serie de documentos e testemuños escritos, algún deles inéditos.

Unha obra completa e utilísima. Permítanlle ao cronista expresar aos autores de Saúde e República. Rianxo 1930-1936 as fervorosas congratulacións. Un libro que, sen abandonar o localismo dunha vila con indubidable protagonismo histórico e cultural, accede á categoría de historia de Galicia.

Todo o que aquí se di resulta transcendente. Son momentos decisivos de Rianxo e de Galicia. Fráguase neles un futuro de liberdades. Xosé Comoxo e Xesús Santos acertaron plenamente no enfoque e no desenvolvemento da epopea substantiva e da miscelánea accidental. Iso debe constar publicamente, porque é de lei. ¡Felicidades, meus amigos!

(O libro está á venda na Librería Cándido, de Rianxo)

Xosé Comoxo Rodríguez

Este creador nado en Rianxo comeza a xubilación coa intención de recuperar a súa vocación pictórica

Xosé Ricardo Losada

Hai algo en Comoxo que invita a confiar nel. O franciscanismo rebelde da barba. A mirada lánguida pero orgullosa. O caos formal do pelo. Esa forma de relacionarse consigo mesmo mentres fala, tan propia dun vello artesán. Ou, quizais, esa levidade inmaterial dun pincel vello que teñen os seus xestos e que casan con ese afán seu por ser «unha persoa normal e boa, amigo dos amigos, que valora por riba de todo o respecto para cos demais e o esforzo nas actividades cotiás». Porque esa é a esencia que desprende Comoxo. Saber que os obxectivos máis difíciles de acadar non son os distantes e ideais senón os próximos e íntimos. Amigos. Profesión. Vila onde naciches. O respecto da muller e das fillas, por riba de todo.

Se tivese que resumir a súa obra, utilizaría unha expresión que el emprega moito para referirse a personaxes históricos. «Foi inxustificadamente esquecido». Esa é a súa máxima obsesión. «Sempre botei de menos que Rianxo carecese de historia escrita». Por iso, aínda recoñecendo as súas limitacións, e dado que persoas máis capacitadas non parecían ter interese, decidiu investigar e publicar o pasado de Rianxo. «Fun algo atrevido pero doíame o desprezo dos rianxeiros pola historia do seu pobo. Mesmo había quen dicía que os escudos heráldicos foran traídos doutros lugares». Co amigo e poeta Xesús Santos comezou un arduo labor de recuperación que, ata o momento, frutificou en catro libros. Unha biografía de Arcos Moldes e tres estudos sobre diferentes aspectos da historia de Rianxo: heráldica, campo de concentración do Castillo e a República.

Agora ben. En tempos de reflexión sobre a importancia da memoria histórica, Comoxo precisa a perspectiva: «A memoria histórica non pode comezar en 1936 e rematar tres anos despois, como se pretende por parte dalgúns e por intereses concretos». Por iso, está orgulloso de formar parte da Comisión Centenario de Castelao que en 1986 intentou evitar a politización do ilustre rianxeiro, e cre prioritario coñecer outras épocas da historia de Rianxo como a fidalguía, o señorío e, sobre todo, o mundo do mar, as confrarías gremiais e os carpinteiros de ribeira.

Porque esa é a clave da súa cosmovisión. O mundo mariñeiro. Na súa adolescencia traballou de administrativo no pósito de Pescadores e tivo «o privilexio de trabar amizade cun sen fin de mariñeiros de idade. Aqueles homes si eran boa xente». E non pode deixar de reclamar que se citen nesta entrevista: «O señor Valente, Antonio o Bolillo, Juanito o Arousán, Xusto o Caramuxo, Andrés Galbán, que preparaba os choquitos en su tinta como ninguén». Pero quen eu creo que marcou a traxectoria de Comoxo é outro vello mariñeiro, Alfonso de Arcos: «Sabía moitas historias da política da vila, e persoais, pero calaba case todas».

Comoxo dedícase agora a facer falar, antes de que sexa tarde, a todos os Alfonsos de Arcos que quedan en Rianxo. Pero non é suficiente. Consultar arquivos é parte fundamental do seu traballo. Un traballo lento, minucioso e laborioso que enfronta con ledicia máis que con resignación. Ao fin e ao cabo, é un perfeccionista. Na actualidade recolle datos, vía oral e vía hemeroteca, sobre a historia de Rianxo no franquismo, e gustaríalle «que outros prosigan o labor emprendido», a ser posible investigando outra figura inxustificadamente esquecida: «Roxerius, que sempre gabou o seu rianxeirismo e tivo unha vida exemplar». Volvemos comprobalo. A Comoxo interésanlle máis as figuras históricas de perfil ético que as de perfil político, aínda sendo menos rendibles no mercado intelectual galego actual.

Con esa atmosfera, non podo evitar preguntarlle, para rematar, se está de acordo con esa crítica que nos fan aos rianxeiros. Ser demasiado rianxeiros. Destrúe o tópico como esixe o sentido común. Oblicuamente: «Rianxo supón moito para min. Nesta etapa da miña vida, fártome de recordar o meu pasado rianxeiro. Pero vivo en Santiago». É lóxico. Para coñecer o pasado colectivo dun lugar convén marcar distancias. Como diría Kipling, os que menos saben de Rianxo son os que só coñecen Rianxo.

viernes, 2 de octubre de 2009

Don José Carnero Valenzuela


ANTE A SUBLEVACIÓN MILITAR DE FRANCO

Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Don José Carnero Valenzuela, foi boticario de Rianxo durante un bo número de anos da posguerra. É un home ben recordado na vila polo seu desinterese monetario á hora de vender as menciñas na súa farmacia en tempos difíciles para os rianxeiros. Logrou xuntar, nos comezos dos anos 50, a un bo número de mozos e mozas, e con eles formará un interesante grupo de baile rexional, do que algún día haberá que falar.

Cando toma posesión da farmacia rianxeira, en 1948, deixaba atrás un pasado relevante no referente á súa oposición á sublevación militar de xullo de 1936. Segundo datos que subministra o investigador Luís Lamela, no seu libro “1936, La “Cruzada” en Compostela”, desde novembro de 1935, está ausente de Santiago. Residira primeiro en Cervera, onde exerceu de profesor, e logo, como encargado de curso, en Yecla, ata xuño de 1936, mes no que se despraza a Madrid coa finalidade de realizar unhas oposicións. Volve o 10 de xullo e desprázase á casa duns familiares en Bandeira a onde chega o 16.

O “movemento salvador de la raza española”, de Franco, manifestase o 20 de xullo de 1936 en Santiago, data na que Carnero, ao decatarse polo alcalde de Silleda da situación que se estaba a vivir en Pontevedra e en Compostela, colle un autobús da Empresa Castromil que realizaba o traxecto Ourense-Santiago e preséntase na súa vila santiaguesa, entre as seis e sete da tarde. Acude ao concello e visita ao alcalde Ánxel Casal (que chegara pouco antes de Madrid, a onde fora, formando parte dunha comisión de galegos para entregar no Congreso de Deputados o aprobado Estatuto de Autonomía), quen lle encomenda certa misión na emisora de Unión Radio Galicia, tomada por individuos armados da Fronte Popular e mineiros de Noia, que non puideran viaxar á Coruña “por encontrarse sin municiones”. Pola tarde, Carnero trasládase ás instalacións radiofónicas situadas no convento de Santo Domingo, onde estaban os equipos de emisión necesarios.

Comprobadas as instalacións, Carnero e José Caldas (veciño de Ponte, Santa Cristina-Noia), entre outros, fixéronse cargo do micrófono. Así comezarán a radiar diversas noticias “recibidas de otras emisoras de radio o directamente por teléfono desde el Palacio de Raxoi”. Na súa alocución, Carnero destacou a morte dos oficiais do acoirazado Xaime I, a mans da mariñeiría, e pronunciou “varias alocucións dirigidas a levantar el espíritu de las gentes que como los mineros y campesinos se habían levantado en armas para defender la II República” (un informe militar sostén que Carnero dedicouse a “insultar al Ejército y al verdadero pueblo que siente a España, excitando a la rebelión”)

Permaneceron na emisora ata as tres da madrugada do día 21, hora na que Carnero intentou contactar co concello, comprobando que non había ninguén nas dependencias, a excepción do conserxe, que o puxo ao tanto da saída ás rúas dos militares. Instou aos homes que estaban con el a abandonar as instalacións de Santo Domingo, fixérono pola horta, evitando así a saída pola porta principal coa finalidade de non ser detidos polos militares rebeldes. Logo, cada un fuxiu por onde puido, tomando direccións distintas. Carnero conseguiu chegar, andando, a Bandeira. Aos poucos días, concretamente o día 27 de xullo, foi detido por unha patrulla militar, enviada expresamente para capturalo, cando se atopaba agachado co seu primo Ramón Valenzuela Otero nunha finca denominada La Viña (Bandeira). No intre da detención, Carnero dirixiuse ao cabo da forza pública dicíndolle; “que como estaban allí, si ya estaban licenciados y debían irse a sus casas”

O informe emitido polo xefe da Comisaría de Vixilancia, datado o 4 de agosto, sobre Carnero di o seguinte:

Respondiendo a su atento escrito de fecha 1º del actual, en el que me interesa informe de conducta del vecino de esta Ciudad JOSE CARNERO VALENZUELA, tengo el honor de manifestarle que este individuo, según resulta de los antecedentes que obran en Comisaría, es un destacado separatista, aconsejando en sus prédicas revolucionarias la violencia como medio de lograr sus propósitos. Políticamente está conceptuado como elemento dirigente agitador de las masas obreras y peligroso por sus doctrinas y actuación social. Últimamente figuraba como miembro directivo del Partido Federal de Izquierda Gallega en esta ciudad”

Tomado Santiago polos militares, as detencións de republicanos foron importantes. Entre eles había un rianxeiro: Sixto de Aguirre Garín, acusado de pertencer ao Comité dos vinteún, formado no consistorio compostelán para defender a legalidade republicana, e de levar, xunto con outros: “cajones y paquetes que decían ser de dinamita y cartuchería (…) Que esta dinamita oyó decir que procedía de las minas de Noya…”. Do cárcere dos baixos de Raxoi, non tardará en ser sacado de noite por un grupo de falanxistas, xunto co pintor Camilo Díaz Baliño. Os seus corpos apareceron sen vida, o 14 de agosto, no lugar de Saa, parroquia de Meixide (Palas de Rei). Carnero Valenzuela, tamén na mesma cadea, tivo máis sorte.

En novembro de 1936 celébrase un consello de guerra, por delito de traizón, contra 13 inculpados, entre eles Carnero. Os cargos que se lles imputan son, que nos días 18, 19 e 20 de xullo estivo constituído en Santiago un Comité de Defensa da República, co pretexto de defender o réxime e intentar crear un “movimiento revolucionario”, ao ter coñecemento do alzamento militar producido. A tal fin dispuxeran recoller as armas que había nas armerías de Compostela, incluso as das forzas de Seguridade e as depositadas no Cuartel da Garda Civil, sen lograr de todo o seu obxectivo. As poucas recollidas depositáronse no consistorio, coa finalidade de ser distribuídas entre “los individuos que iban presentándose”. No caso de Carnero, que non dera instrucións escritas de ningún xénero, nin ordenara facer incautacións de armas, o cargo seguido contra el estaba baseado na toma da radio local, desde onde “excitó constantemente a las milicias marxistas armadas, que circulaban por las calles profiriendo soeces insultos al Ejército, y ensalzando los crímenes cometidos en la Marina de Guerra”. Os feitos son constitutivos de delito de traizón, conforme o código de Xustiza Militar, por entorpecer as operacións do Exército sublevado. Os procesados, salvo Carnero, foron castigados coa pena de morte.

Carnero Valenzuela, a dicir do seu defensor, non fora autor da nefasta organización da Fronte Popular, nin dirixente, nin individuo do Comité de Defensa da República, nin tan sequera realizara “detenciones, ni ha repartido armas o explosivos”. Tan só era un militante máis “devorado por esa hidra con tentáculos de literatura grotesca pseudo-social, que, con bárbara furia, irrumpió en las conciencias nuevas dando lugar a éstos movimientos de juventud (...)” Nin sequera era un organizador dada a súa ausencia de Compostela neses intres.

Pode ter un delito probado: o de actuar desde a emisora de Unión Radio. Por ese motivo “se le hace incurrir en el artículo 223 (apartado 6º) del Código de Justicia Militar que se aplica al que de modo malicioso ponga entorpecimiento a las operaciones del Ejército o facilite las del enemigo”. A dicir do seu defensor, non se pode considerar comprendido nese artigo “por no haberse producido en campaña o territorio declarado en estado de guerra”, en todo caso si podería ser un delito do Código penal común:

“(...) si a la resolución del Ejército para declarar el estado de guerra no existe resistencia alguna, porque del sumario se desprende que la huida es anterior (se proclamó a las 3,30 y mi defendido puso pies en pólvora a las 2 de la madrugada) no existe, por lo tanto, el delito de rebelión de que se le acusa. Respecto a las palabras del artículo del Código “o facilite las del enemigo” dicho queda que mi defendido no ha tenido parte activa reducido en su actuación a la radio. Hay en cambio injurias, insultos graves, gravísimos al Ejército a la hora en que el noble Ejército español daba nuevo ejemplo de visión clara del porvenir nacional; a la hora en que el Ejército hace honor a España (...) Estos hechos son anteriores a la declaración del estado de guerra, y no caen dentro de todo lo solemnemente hecho público porque éste no tiene efectos retroactivos, aparte de que la excitación a la oposición no ha producido entorpecimiento ni resistencia alguna a la fuerza que se apoderó de todo el pueblo con la máxima facilidad”

O defensor, para abrandar aos membros do Tribunal, párase na personalidade de Carnero que, segundo el, era un home delicado de saúde desde sempre, que padeceu varias enfermidades, entre eles unha lesión de tipo tuberculoso “que ha pasado a la cronicidad”. Era “serio, tímido unas veces, impulsivo otras, amigo de tragarse toda clase de lecturas que tuviesen un tinte de snobismo intelectual, rígido en su concepción de la vida, terco en sus discusiones en las que jamás cedía el terreno al adversario (...); idealista denodado y extraordinariamente ambivalente en los afectos (...)”

Algúns dos acusados tiveron a oportunidade de tomar a palabra antes da sentencia, unha vez preguntados se tiñan algo que alegar. Carnero indícalle ao Tribunal “que no tenía nada que manifestar”. A sentencia (datada o 19 de novembro de 1936) foi a seguinte: 11 penas de morte e 2 de reclusión perpetua, “como autores de un delito consumado de rebelión, que prevé y castiga el artículo doscientos treinta y ocho, punto segundo en relación con el doscientos treinta y siete del cuerpo legal citado”. Carnero estaba entre os condenados a morte.

Os diversos recursos presentados tan só fixeron efecto no noso biografiado. Foille rebaixada a pena imposta, “por la inmediata inferior señalada en el delito, téngase por impuesta la de reclusión perpetua al citado José Carnero Valenzuela”. Os demais foron pasados polas armas nas inmediacións do cemiterio de Boisaca (Santiago), ás 6 e media do 3 de decembro.

Co paso do tempo, revisada a condena, foi condenado a 12 anos e un día de prisión maior. Despois de pasar varios anos na cadea de Santiago e no Destacamento Penal das minas de volframio de Silleda, foi posto en liberdade condicional o 20 de xuño de 1943. En 1946, Carnero solicita o indulto acolléndose aos beneficios do Decreto de 9 de outubro de 1945, petición que lle foi aceptada e aprobada polo Capitán Xeneral o 6 de maio de 1946, séndolle notificada a liberación definitiva o 26 de outubro. En 1948, como indicamos, fixa a súa residencia en Rianxo ao facerse cargo dunha botica que estivera rexentada por Domínguez Baraja.

jueves, 1 de octubre de 2009

O FÚTBOL EN RIANXO


A U.D. RIANJESA NO OITENTA ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN

Por Xosé Comoxo e Xesús Santos

Se algún día se recolle a historia do fútbol en Rianxo, necesariamente terase que falar da U.D. Rianjesa, sociedade futbolística creada en 1928.

A U.D. Rianjesa destacará como organización. O seu regulamento é aprobado polo gobernador civil da Coruña o 16 de febreiro de 1928. Na acta de constitución, do 1 de marzo, nomease, baixo a presidencia do socio fundador, Ezequiel Santos Aldao, a nova xunta directiva, na que figura, entre outros, Jesús Noya Iglesias e Ricardo Iglesias Vázquez, un rapaz culto, de 21 anos, que morre en xaneiro de 1929. O domicilio social estaba situado na rúa do Medio, número 7, e a partir de decembro de 1928 trasládase a unha casa da rúa de Abaixo. Contaba con donativos e subvencións particulares, así como con dúas pesetas por cada novo socio e unha, como cota mensual.

Os fins a acadar quedan reflectidos no artigo 3º do seu regulamento: “Proporcionar a la juventud, lícitas e higiénicas distracciones, como giras por la ría, sesiones musicales, partidos de foot ball, bailes para los socios y sus familiares, excursiones al campo con carácter principalmente educativo y otros deportes”. A directiva “tomará especial interés en la adquisición de libros para ilustrar a los socios y para recreo de los mismos”.

A crónica do partido que celebra, a comezos de maio de 1928, co Dodro F.C. resúltanos interesante, porque vemos que ao campo de Santa Lucía-Asados asistira “numeroso público”, que o xogo se disputara con corrección e que destacara un rapaz, coñecido por “Chiquelo” (Francisco Tubío Vicente, que casará en Bealo con María Triñanes), fillo dun zapateiro de Rianxo, quen, a raíz das algaradas acaecidas nas terras de Boiro nos comezos da guerra civil nas que participou dunha maneira moi esporádica, será “paseado” no monte do Castro, en Taragoña, o 15 de outubro de 1936, despois de ser denunciada a súa presenza en Ourille á Falanxe e Benemérita de Boiro.

Pouco antes da contenda bélica, vemos participando a un equipo que comezaba a destacar, o Rianjo F.C., seguramente encadrado na sociedade U.D.Rianjesa.. Xusto o día das revoltas, o 18 de xullo de 1936, xorde unha noticia: a comisión organizadora do campionato da “Ría de Arosa”, Copa Portela Valladares, de Vilagarcía, contaba con que os rianxeiros participarían, tras seren invitados. Non foi así, como consecuencia do golpe de estado. As camisetas e botas do equipo serán vendidas a un equipo de Carril, o Vulcano; a mesa de billar, na que os xogadores do Rianjo F.C. pasaban o tempo, quedou no local de Carme Pérez de Rañó (lugar habitual das xuntanzas galeguistas), e logo desaparecerá. O máis triste foi que a mocidade amiga quedou dividida politicamente, enrolándose algúns deles na Falanxe, incluso como voluntarios (caso de Sócrates Piñeiro, que será o primeiro “caído”, en marzo de 1937, en Biscaia; Barreiro, quen presenciou a morte do seu amigo Guillermo Rodríguez en Fuenteovejuna, o 16 de maio, e envía a noticia aos amigos falanxistas de Rianxo, supostamente desde Guernica; e Pepón Rañó, que andaba loitando polas terras de Cabruñana, en marzo de 1937).

Unha vez rematada a guerra, retoma a súa actividade a U.D. Rianjesa e con ela o Rianjo F.C. A sociedade constitúese en xullo de 1940, sendo presidida por Julio Ramos. Os obxectivos cambian radicalmente con respecto ao primeiro documento de 1928: agora, cos deportes a practicar polos asociados, quérese mellorar o “desarrollo físico y el temple moral de la juventud para el bien de la Patria” e divertirse nos bailes de “sociedade”, organizados para celebrar os Finais de Ano e Día de Reis.

Segundo un informe emitido en xuño de 1942 polo alcalde e xefe local do Movemento, José Rodríguez (“Rochil”), sobre as actividades da sociedade, agora presidida por Rogelio Bravo Ibáñez, estas eran deportivas e os seus compoñentes, mozos ex combatentes. A xunta directiva estaba ben considerada nos aspectos político, social e relixioso. O club competía esporadicamente con equipos veciños (entre outros, A Pobra, Ribeira, “Fortuna” de Vilaxoán, e Catoira).

Ao par que nacía a sociedade U.D. Rianjesa, tamén o facía Juventud Marinera, por obra e graza dunha soa persoa, José Pablo Torres, “de intachable conducta pública y privada, de ideología de derechas, afiliado a FET y de las JONS y en un todo afecto al Glorioso Movimiento Nacional”, que tiña a intención de aglutinar ós mozos mariñeiros, aínda que sen éxito xa que apenas durou dous anos.

O Rianjo F.C. desaparece a finais de 1943, para renacer nos comezos dos anos 50. En 1954, figura no campionato da Rías Baixas, zona norte, ao lado dos outros equipos do municipio rianxeiro, Santa Lucía, de Asados, e U.D. Amanecida, de Taragoña, que xa viñan figurando na competición desde 1952 (os restantes equipos eran: Céltiga, Catoira, Barraña, San Martín e Vilagarcía). O seu campo de deportes estaba situado na mesma vila, chamábase campo da Cruz, de propiedade particular. Entre outros xogadores, aparecen: Portugués, Ramón, Basadre, Calejas, Cebreiro, Rianxo, Juan, Polveirán, Litos, Ita, Requeté e Paz.

Tempo haberá para seguir explicando a traxectoria deste equipo.